Sunday 19 de May de 2024

O xerente do Xacobeo participou en Astorga nunha mesa redonda sobre o Camiño de Santiago como símbolo europeísta


Rafael Sánchez subliña que o Plan Director do Camiño de Santiago posto en marcha por Turismo de Galicia é a ferramenta axeitada para xestionar o seu futuro

O xerente do Xacobeo, Rafael Sánchez, participou en Astorga nunha mesa redonda sobre o Camiño de Santiago enmarcada no congreso Imaxinarios Culturais e Dinámicas Urbanas de Astorga, que presenta esta cidade coma unha das vilas europeas cun potencial turístico en aumento que require afrontar novos retos. O acto forma parte do proxecto europeo Urban Dynamics para analizar as dinámicas urbanas e as propostas de futuro.

Rafael Sánchez explicou que o Camiño de Santiago, que pasa por Astorga, é un modelo de valores e un símbolo de unidade e europeísmo. Durante a súa intervención, o xerente afirmou que, para protexer e impulsar este imaxinario cultural, Turismo de Galicia ten en marcha o Plan Director e Estratéxico do Camiño de Santiago para o período 2015-2021 pensado para atender as necesidades do Camiño, do peregrino e do sector turístico, sen esquecer o fortalecemento da marca Galicia.

Neste sentido, o xerente subliñou que este Plan é a ferramenta axeitada para xestionar o futuro do Camiño. O documento propón as medidas para a correcta coordinación e organización administrativa, a preservación dos valores patrimoniais, as actuacións de conservación e o mantemento, un Plan de xestión ambiental, o fortalecemento de Santiago como meta, a potenciación de todas as rutas, a excelencia na atención ao peregrino e a investigación e divulgación do Camiño e da cultura xacobea.

Como o Camiño discorre por numerosas rexións, Rafael Sánchez fixo especial fincapé na necesidade dunha xestión conxunta da Ruta Xacobea para que exista unidade de criterio en canto a cuestións como a sinalización, os albergues ou a protección do Patrimonio.